O campo de fútbol Manuel Jiménez de Vilagarcía foi o escenario no que comezou esta mañá o primeiro campus de tecnificación que organiza o Arosa.
Dirixido a nenos e nenas de 5 a 13 anos, participan nesta actividade do Nadal 68 menores que realizarán sesións de adestramento específico de 10 a 13.30 horas ao longo de toda a semana, salvo o venres, e tamén os días 3 e 4 de xaneiro.
O responsable de metodoloxía do cadro arousán, Eloy Fernández, é o coordinador do campus xunto aos técnicos Dani Paseiro (adestrador de porteiros), José Vázquez "Josete", Samuel Álvarez "Mosto", Dani Vilas e Álex Rodríguez.
Nunha primeira sesión marcada pola choiva, tivo lugar a visita do capitán do primeiro equipo Julio Rey, que resolveu dúbidas e atendeu todo tipo de preguntas dos rapaces antes de pousar xunto a eles.