A venda de entradas para apoiar ao Pontevedra en Riazor, 'a toda vela'

Pontevedra
15 de setembro 2022

O club granate pechou a segunda xornada de venda de entradas aos seus afeccionados con 320 billetes vendidos, preto dos 400 inicialmente bloqueados polo Deportivo

Afeccionados do Pontevedra no Estadio Nueva Balastera de Palencia Mosrey Fotografía

A 'Marea Granate' mobilízase para apoiar o Pontevedra nunha das saídas máis complicadas da tempada, a que afrontará o vindeiro domingo 18 de setembro (19.00 horas) visitando o Real Club Deportivo no Estadio Municipal de Riazor.

Ao peche da segunda xornada de venda de localidades nas oficinas de Pasarón, o club granate tiña xa despachado 320 entradas para os seus afeccionados.

A boa acollida fai que o club granate sexa optimista non só con completar a cota inicial de 400 billetes que lle reservou o Deportivo, senón con ampliar esa cifra.

Entre as entradas xa vendidas, a un prezo de 15 euros, destacan os dous autobuses de seguidores xa completados dentro da viaxe organizada polo club granate, estando preto de encherse o terceiro autocar.

As entradas para seguir o encontro na bancada destinada aos afeccionados do Pontevedra poden aínda retirarse nas oficinas de Pasarón ata as 14.00 horas do venres.

A ilusión polo derbi contaxiou á 'Marea Granate', garantindo ao seu equipo un importante apoio e facendo pensar nun espectacular ambiente, con todos os ingredientes necesarios para gozar dunha gran xornada futbolística.