A Transgalaica, a proba ciclista de montaña Marathon Mtb, regresará ao calendario deportivo de Cerdedo-Cotobade o 27 de febreiro a partir das 9:30 horas. Así o presentaron este venres diante do Consistorio o alcalde do municipio, Jorge Cubela, o responsable da organización da proba e presidente do Monteferro Bike Club, Javier Sánchez, o concelleiro de Deportes, Bruno Portela e o técnico municipal Diego López.
Despois de dous anos de parón pola pandemia, volve a Carballedo unha das grandes festas do BTT galego na que participarán os mellores corredores galegos, asturianos, portugueses e de Castela e León.
Segundo explicou a organización, esperan reunir preto de medio milleiro de ciclistas, que deberán completar un esixente percorrido duns 60 quilómetros polas distintas pistas e carreiros do municipio.
A Transgalaica 2022 tamén terá sede en Ames (13 de marzo), A Estrada (27 de marzo), Silleda (10 de abril) e a Estación de Montaña de Manzaneda que acollerá a proba final o 24 de abril.