A Terceira División galega terá dorsais fixos e convocatorias de 18 xogadores a próxima tempada

Pontevedra
04 de marzo 2020

Así o confirmou a Real Federación Galega de Fútbol tras a reunión da comisión de Terceira División celebrada este martes na súa sede pontevedresa

Comisión de Terceira División na sede pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol
Comisión de Terceira División na sede pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol Real Federación Galega de Fútbol

A sede pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol foi escenario este martes da comisión de Terceira División, na que se aprobaron cambios rechamantes na competición para a próxima tempada.

Así, tal e como confirma a federación autonómica, deuse o visto e prace definitivo para implantar no curso 20/21 os dorsais fixos nas camisetas e a ampliación a 18 xogadores das convocatorias dos partidos, en lugar dos 16 actuais.

No asunto das convocatorias para os partidos, séguese desta forma á Segunda División B, que aprobou a medida en cursos precedentes, pero trátase dunha medida que non será de obrigado cumprimento para os clubs.

Ademais informouse da obrigatoriedade de lucir na camiseta o anagrama oficial de categoría da Real Federación Española de Fútbol (RFEF),  prohibiendose a estampaxe nas camisetas de logotipos doutras asociacións futbolísticas.

A orde do día completouse coa análise da nova Copa do Rei e da necesidade de cumprir coas condicións mínimas esixidas pola RFEF para evitar que os equipos non poidan xogar nos seus campos, como lle pasou esta tempada ao Bergantiños, e tamén se informou da primeira transferencia das axudas correspondentes ao programa Impulso 23.

Segundo avanzou a Federación Galega, na próxima reunión da comisión de Terceira División presentarase unha proposta de calendario, adaptado ao novo formato de Copa, para que sexa aprobado polos clubs.