A pesar dos moitos cambios no seu equipo absoluto masculino, o Club Waterpolo Pontevedra iniciou a tempada tal e como terminou a anterior, no alto do podio.
O conxunto pontevedrés proclamouse campión da Supercopa Galega Masculina, celebrada na piscina Rosario Dueñas de Ourense.
Non foi en todo caso un torneo sinxelo, xa que os de Javi de Sáa tiveron que empregarse a fondo xa desde a semifinal, que lle enfrontou ao RCN Vigo. O Pontevedra estivo pouco acertado en ataque neste partido, o que provocou que o seu rival tomase a dianteira nos instantes iniciais. Os pontevedreses igualaron 4-4, pero o conxunto da cidade olívica chegou a gozar de vantaxe xa no último cuarto. Só un gol a falta de 3 segundos puxo o empate a 6 final forzando unha quenda de penaltis na que foron máis eficaces para plantarse na final.
No duelo polo título esperaba o CW Santiago, que superara previamente ao Pabellón Ourense. Esta vez o Pontevedra saíu máis acertado á piscina e puxo un parcial de saída de 5-3 ao seu favor, aínda que os composteláns deron a volta ao marcador e puxéronlles contra as cordas. Houbo de novo que remontar para forzar os penaltis, que valeron finalmente o título de campión da Supercopa autonómica.
Este resultado reforza a un bloque pontevedrés en plena reconstrución e que defenderá o campionato ligueiro conquistado a pasada campaña.