A tempada en Primeira RFEF pechouse para o Pontevedra con 117.000 euros en perdas

Pontevedra
01 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

É o terceiro exercicio consecutivo que o club granate pecha con déficit, deixando a débeda da entidade ao 30 de xuño de 2023 en 1.671.469 euros

Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol no Pazo da Cultura Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbolacumulou, por terceira tempada consecutiva, perdas nas contas anuais que presentou aos seus accionistas.

Segundo os datos ofrecidos na Xunta Xeral Ordinaria da entidade celebrada este luns 1 de abril no Pazo da Cultura, a entidade granate pechou o seu ano en Primeira RFEF cun déficit de 117.738,46 euros.

"As contas que traemos hoxe son as que pechan unha tempada lamentable, mala no deportivo, no económico e no social. Asumimos todos os erros cometidos ao tomar decisións que non foron acertadas. Foron para os que traballamos na contorna deste club as dúas peores tempadas do últimas dez a todos os niveis. Aprendemos dos erros e envorcarémonos para que isto non volva suceder", explicou durante o seu informe de xestión a presidenta do Consello de Administración, Lupe Murillo.

En concreto o balance pechado ao 30 de xuño de 2023 contabilizou uns ingresos de 2.020.477,69 euros contra gastos por valor de 2.158.216,15 euros, nos que a principal partida foron os salarios de persoal e empregados (1.115.315 euros).

A débeda do Pontevedra CF ao 30 de xuño de 2023 era de 1.671.469,58 euros

"Descoñeciamos a categoría na que ía militar o noso equipo a nivel de gastos e ingresos, e aínda que parecía que esta categoría na que eu persoalmente nunca crin nos provería de ingresos extra, o que non imaxinabamos é o que realmente foi", sinalou a máxima dirixente.

Como resultado destes números a débeda total do Pontevedra disparouse ata 1.671.469,58 euros.

As contas, aprobadas polo 64,96% do accionariado, contaron co voto en contra do grupo contrario á dirección do club. A este respecto o conselleiro delegado da parte económica, Enrique Mariño, afeou a decisión dos dous representantes no Consello deste grupo opositor que decidiron non asinar as contas da entidade.

ORZAMENTO DA TEMPADA 23/24

Na xunta, na que participaron 66 accionistas (representando ao 85,86% das accións), someteuse ademais a votación para a súa aprobación o orzamento da actual tempada, a 2023/2024.

Neste sentido o club granate presentou unha previsión para o presente curso de 1.877.550 euros tanto de ingresos como de gastos.