A tempada de atletismo estréase en Pontevedra cunha elevada participación no Torneo de Reis

Pontevedra
05 de xaneiro 2019

A campeona nacional de xavelina, Lidia Parada, destacou na proba de 60 metros feminino, que se disputou no CGTD de Pontevedra

Torneo de Reis de atletismo Mónica Patxot

Preto de 800 deportistas de toda Galicia e outras partes de España reuníronse este sábado no CGTD con motivo do Torneo de Reis, que inaugurou a tempada de atletismo en pista ao aire libre. 

A elevada participación na competición, coa que non contaban o club organizador, o Atletismo Rías Baixas, nin a Federación Galega da disciplina, obrigou a modificar os horarios da xornada e alongar as probas ata ao redor das 15:00 horas.

O campionato comezou sobre as 10:30 da mañá cos 3.000 metros feminino, onde destacou a lucense Sara López. Pola súa banda, a campiona nacional de xavelina, Lidia Parada, fíxose co primeiro posto en 60 metros (8.01), seguida pola pontevedresa Lucía Ferrer (8.08). 

Así mesmo, o pontevedrés Adrián Pérez, campión nacional universitario do clube Tenerife Caja Canarias, terminou primeiro a proba dos 200 metros cun tempo de 22.56. 

Antes da finalización do torneo, as instalacións do Centro Galego deTecnificación Deportiva acolleron unha bonita homenaxe á recente campiona europea na modalidade de cros, a portuguesa Solange Pereira, con presencia dos Reis Magos incluida.