A taekwondista pontevedresa Sara Cortegoso múdase ao CAR de Barcelona

Pontevedra
03 de setembro 2019

A medallista europea formará parte do equipo nacional e adestrará a diario cos mellores taekwondistas do país, entre eles o campión olímpico Joel González

Sara Cortegoso Federación Galega de Taekwondo

A taekwondista pontevedresa do Mace Sport, Sara Cortegoso, fai as maletas. A prometedora deportista decidiu aceptar a proposta da selección española e trasladarse ao Centro de Alto Rendemento de Barcelona para continuar coa súa formación e estudos.

"Esta vez si decidiu irse a vivir alí para adestrar cos mellores e ter máis oportunidades de viaxar co equipo nacional", explican desde a directiva do equipo pontevedrés, para o que Cortegoso seguirá competindo nos campionatos de clubs.

A medallista europea e quinta clasificada no último mundial, adestrará a diario cos mellores taekwondistas do país, entre eles o campión olímpico Joel González. Ademais terá a oportunidade de participar en concentracións preparatorias cos seus principais rivais doutros países que ben visitan habitualmente o CAR de Barcelona ou é o combinado español o que realiza concentracións fóra de España.

Desde o Mace Sport, no que leva competindo desde as categorías máis baixas da base, están convencidos de que a moza pontevedresa aproveitará a oportunidade para ser aínda mellor taekwondista e deséxanlle "sorte na súa nova etapa de vida e deportiva".