A sombra do ERTE sobrevoa sobre os clubs deportivos da comarca

Pontevedra
20 de marzo 2020

As entidades deportivas sopesan a opción de aplicar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) ante a dificultade económica que afrontan polo paro das competicións, aínda que non todos son da mesma opinión. Falamos diso con Pontevedra Club de Fútbol, Teucro, Peixe Galego, Poio  Pescamar e Arxil

Adestramento do Pontevedra en Campañó Cristina Saiz

As perdas económicas que está a provocar a cancelación das competicións deportivas a causa do coronavirus, sen data aínda para regresar, levou aos clubs deportivos da comarca a pensar na posible aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) mentres dure esta situación.

Sen embargo non todos son mesma opinión á hora de aplicar esta medida, recollida como opción para as empresas e asociacións entre as medidas aprobadas polo estado tras declarar o estado de alarma.

En canto a número de empregados o Pontevedra Club de Fútbol é o que contaría con máis traballadores afectados entre futbolistas, técnicos e persoal do club. Na entidade granate en todo caso non falan aínda abertamente de aplicar un ERTE como opción probable pero sinalan que "estamos estudiando el Real Decreto" xa que "en el caso del fútbol se generan dudas", recoñeceu a presidenta, Lupe Murillo.

Nuns termos similares, á espera de acontecementos, sitúase o Marín Peixe Galego de baloncesto, que non descarta "ningún escenario posible", pero que prefire agardar á evolución dos acontecementos e ás decisións que adopten en próximos días tanto o Goberno como a Federación Española de Baloncesto.

No mesmo deporte, pero en categoría feminina, si é partidario de aplicar un ERTE o Club Baloncesto Arxil, nunha situación que afecta principalmente as xogadoras estranxeiras contratadas que abandonaron por precaución o país. "Estamos esperando que en la asesoría nos digan para hacerlo. Para la semana imagino que nos pondremos con ello", confirma Lino Vázquez desde a directiva arxilista.

Tamén no balonmán decántanse por esta opción, polo menos o Teucro xa que o Cisne non se ve afectado do mesmo xeito ao non contar con contratos profesionais no seu plantel. No cadro teucrista "la opinión es que hay que plantearlo" porque "estamos asumiendo unos costes ahora mismo que son inasumibles", recoñece o ex-presidente e membro da actual xunta xestora Carlos García-Alén. No seu deporte de feito os equipos da Liga Asobal, entre eles o Cangas, foron os primeiros en dar o paso e falar abertamente da presentación dun ERTE.

No bando contrario sitúase o Poio Pescamar de fútbol sala, que aínda que se asesorou "vamos a intentar escapar de esa situación", sinala o seu presidente, Juanjo García, aguantando o máximo posible ata saber que pasará co resto da tempada pendente, aínda que el se declara partidario de "llegar sí o sí" ao final da competición.