A solvencia defensiva, un reto para o Marín Futsal en Murcia, e proba de nivel para o Poio Pescamar recibindo o líder Alcorcón

Marín
20 de outubro 2023

O Marín Futsal e o Poio Pescamar afrontan este sábado a sexta xornada de Primeira División de fútbol sala, na que as marinenses visitarán a pista do LBTL Alcantarilla (18:30 horas), e as vermellas recibirán na Seca ao líder invicto Alcorcón (17:30 horas)  

Partido de liga entre Marín Futsal e Melilla Torreblanca na Raña

O Marín Futsal e o Poio Pescamar afrontan este sábado a sexta xornada de Primeira División de fútbol sala, na que as marinenses visitarán a pista do LBTL Alcantarilla (18:30 horas), e as vermellas recibirán na Seca ao líder invicto Alcorcón (17:30 horas).

As de Ramiro Díaz chegan á cita con bastante esixencia ao sumar só unha vitoria no que vai de tempada fronte ás dúas que levan as de Murcia, que lles permiten respirar un pouco máis aliviadas na clasificación.

Aínda que aínda quedan moitos partidos por disputarse, o Marín Futsal está obrigado reaccionar canto antes e ofrecer maior solvencia defensiva, unha materia máis que pendente que se ve reflectida nos 20 goles encaixados.

Pola súa banda, ao Poio Pescamar visitarao o Alcorcón, líder da clasificación que aínda non sabe o que é perder esta tempada.

Será unha proba de alto nivel para o equipo, especialmente despois da derrota vivida a pasada xornada ante o Viaxes Amarelle, polo que a importancia de gañar esta fin de semana é "máis en moral que en puntos", destacan desde a entidade conserveira.