A Selección de Galicia de ciclocrós regresa con 10 medallas do Campionato de España disputado en Xátiva

Pontevedra
09 de xaneiro 2022

Un total de 25 ciclistas en representación da Selección de Galicia desprazáronse estes días ata a localidade valenciana de Xátiva para disputar o Campionato de España de Ciclocrós, cita cume para o deporte nacional que regresou ao calendario despois de dous anos de ausencia pola pandemia

O equipo de remudas da Selección de Galicia no Campionato de España de Ciclocrós en Xátiva Federación Galega de Ciclismo

Un total de 25 ciclistas en representación da Selección de Galicia desprazáronse estes días ata a localidade valenciana de Xátiva para disputar o Campionato de España de Ciclocrós, cita cume para o deporte nacional que regresou ao calendario despois de dous anos de ausencia pola pandemia.

A xornada inaugural disputouse a partir das 16:00 horas do venres coa carreira de remudas Team Relay á que Galicia chegaba defendendo o primeiro posto conseguido en Pontevedra. O sexteto formado polo elite Samuel González, o cadete Tomás Pombo, a elite Irene Trabazo, o máster-40 Andrés Calvete, o júnior Ricardo Buba e o sub-23 Miguel Rodríguez revalidou título superando por 5 segundos á Selección Asturias. O podio completouno Euskadi. 

O seleccionador autonómico Alberto del Río, deseñou unha estratexia que deu os seus froitos. Abrindo a carreira co vigués Samuel González, Galicia terminou a primeira volta en segunda posición, detrás do representante aragonés. O carballés Tomás Pombo tomou a substitución para adiantar ao seu rival e manterse na cabeza ata o tramo final, aí adiantouno o máster valenciano Dany Díaz. Cunha diferenza mínima entre competidores, o de Cambre, Andrés Calvete, recuperou o mando na súa quenda.

A responsabilidade da cuarta volta foi para a marinense Irene Trabazo, que acabou terceira a súa carreira 20 segundos por detrás de Asturias e da Comunitat Valenciana. Pero ese tempo enseguida reduciuno o gondomeraño Ricardo Buba, que cedeu a testemuña a Miguel Rodríguez na última e decisiva volta. O de Ponteareas afrontou con vantaxe os sectores de maior dificultade e saboreou a vitoria nos metros finais, cruzando a liña de meta en primeira posición.

Cinco medallas na xornada do sábado

O ciclocrós galego asinou o sábado unha sobresaliente xornada con cinco medallas. Os ouros chegaron coa cadete María Filgueiras e a máster 40A Marina González; as pratas coa cadete Aroa Otero e o máster 40A Andrés Calvete e, por último, o bronce con Moisés Leboso en máster 40 B.

Festa de clausura

A clausura do Campionato de España foi na matinal do domingo con tres medallas, unha de cada cor. O ouro levouno o júnior Ricardo Buba, a prata a júnior Laura Mira e o bronce o sub-23 Miguel Rodríguez.

A marinense Irene Trabazo non tivo fortuna na carreira elite, liderada pola asturiana Lucía González (Nesta). Trabazo iniciou moi forte próbaa pero terminou ocupando a novena posición absoluta e sexta na súa categoría, mentres a viguesa Carla Fernández (Selección) quedaba undécima na xeral e cuarta no seu grupo de idade.

Pola súa banda, no seu primeiro ano na categoría, o ciclista do Froiz, Miguel Rodriguez, fíxose coa medalla de bronce, Zoe del Río ( XSM) acabou 12, Anxo Carril (Coruxo) foi 20, Brais Fernández (Maceda) foi 23 e Borja Gómez (Selección) chegou 27.

Con estas 10 medallas para Galicia concluíu unha gran xornada moi emocionante de ciclocrós en Xátiva dedicada a Guillermo Sande, técnico da Federación Galega de Ciclismo durante case 25 anos que faleceu hai un ano.