A Segunda RFEF que lle espera ao Pontevedra a próxima tempada

Pontevedra
05 de xuño 2024

A falta dos últimos ascensos desde Terceira RFEF, a cuarta categoría do fútbol nacional na que volverá competir o Pontevedra ten xa 81 equipos confirmados para a próxima tempada. Ademais dos granates, outros grandes nomes como Numancia, UD Logroñés ou Lleida caeron no play-off de ascenso. Sabadell, Linares, San Fernando ou Atlético Baleares serán proxectos a seguir tras descender desde a Primeira RFEF

Partido entre Pontevedra e Betis Deportivo en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Betis Deportivo en Pasarón / Mosrey Fotografía

O Pontevedra Club de Fútbol empeza a dixerir a decepción sufrida na final polo ascenso fronte ao Betis Deportivo, e mira xa cara ao seu futuro un ano máis na Segunda RFEF para a tempada 24-25.

A falta dos últimos ascensos desde Terceira RFEF, a cuarta categoría do fútbol nacional na que volverán competir os granates ten xa 81 equipos dos seus 90 confirmados para a próxima campaña.

Cabe destacar que ademais dos da Boa Vila, outros grandes nomes como Numancia, UD Logroñés ou Lleida caeron no play-off de ascenso. Tamén chegou á final sen éxito o UD Sanse. A eles únense Sabadell, Linares, San Fernando ou Atlético Baleares como proxectos a seguir tras descender desde a Primeira RFEF.

Por grupos, tras os ascensos de Ourense CF e Zamora e os pertinentes descensos, a configuración actual do Grupo I con equipos galegos, cántabros, asturianos e castelán-leonenes (quedara fóra o Numancia) só sumarían 16 equipos, polo que se os últimos ascensos non equilibran esta cifra aveciñaríanse cambios en canto á distribución. Os equipos que repiten xunto ao Pontevedra son o Guijuelo, Rayo Cantabria, Langreo, Compostela, Valladolid Promesas, Fabril, Coruxo, Marino de Luanco, Gimnástica de Torrelavega e Real Avilés, aos que se incorporarían o citado Numancia contando con non dividir unha rexión e os ascendidos Bergantiños, Llanera, Escobedo e Real Ávila.

Ademais dentro da categoría, e como posibles rivais dun play-off no caso de non conseguir o ascenso directo, aparecen tamén equipos como o Talavera manchego, o CE Europa e o Sant Andreu do grupo catalán ou o descendidos Rayo Majadonha e UE Cornellà.

Cabe destacar que en canto aos conxuntos galegos, co Pontevedra, Compostela, Coruxo, Bergantiños e RC Deportivo Fabril confirmados, loitan aínda por subir desde Terceira RFEF a UD Ourense e o Gran Peña.