A Segunda RFEF empeza a aclararse: Ascenso para o campión de grupo e catro prazas de play-off

Pontevedra
08 de xuño 2021

A Asemblea Xeral da Real Federación Española de Fútbol desvelou algúns detalles da nova categoría, na que estará o Pontevedra, e que contará con cinco grupos de 18 equipos cada un

Partido entre Pontevedra e Real Oviedo Vetusta en Pasarón Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol empeza a coñecer ao fin o camiño que lle espera a próxima tempada na Segunda RFEF, na que partirá co obxectivo de recuperar unha praza en terceira categoría nacional.

Ata o de agora só se sabía que esta nova competición estaría composta por 90 equipos repartidos en cinco grupos (18 equipos por grupo), pero a Asemblea da Real Federación Española de Fútbol ofreceu este martes novos detalles.

A semellanza da Primeira RFEF, a cuarta categoría do fútbol nacional premiará ao campión de cada grupo co ascenso directo. Ademais os equipos que acaben en segundo, terceiro, cuarto e quinto lugar disputarán un play-off en sede neutral con equipos doutros grupos e dúas eliminatorias por outra praza de ascenso.

En canto aos descensos, caerán á Terceira RFEF os cinco últimos clasificados de cada grupo, así como os dous equipos dos que conclúan no posto 13º tras xogar un play-out.

Este será tamén o formato de competición para a propia Terceira RFEF, no que se refire ao ascenso do campión e a posibilidade dunha fase de ascenso para catro equipos máis.

Segundo explicou a Federación, a proposta con estas bases, así como a composición definitiva dos grupos, será elevada á comisión delegada da categoría para a súa aprobación.