A segunda edición do Ciclocrós de Poio reunirá a máis de 300 deportistas

Poio
04 de outubro 2018

As probas, nas que participarán asturianos, cántabros, canarios e lusos, desenvolveranse este domingo a partir das 9:00 horas na contorna da Seca e A Reiboa

Marga Caldas recibiu a Paco Albar e a Guillermo Sande en Casal de Ferreirós PontevedraViva

A segunda edición do Ciclocrós de Poio reunirá este domingo a máis 300 deportistas de todas as idades na contorna da Seca e A Reiboa. O nivel de participación deste ano supón un récord para esta cita deportiva con respecto á metade de incritos do pasado 2017.

Segundo asegurou a concelleira de Deportes, Marga Caldas, na presentación do evento, "queremos que Poio sexa un bo referente a nivel deportivo, sobre todo da base", ao que engadiu que "nos últimos anos medrou a importancia do ciclismo neste concello. Hai tres anos que se abriu a primeira escola deste deporte e cada ano hai máis inscritos".

Nesta ocasión, o traxecto, que percorrerá unha distancia de ao redor de 2,5 quilómetros, presentará diferentes partes de pistas e obstáculos. Os encargados de estrealo serán os ciclistas de categoría de promoción a partir das 9:30 horas, xa que "para os máis pequenos é mellor madrugar un pouquiño e facer o circuíto estando aínda ben, sen que pasasen antes todos vos demais participantes", explicou o técnico da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande.

A continuación, será a quenda do resto de competidores. A partir das 10.00 horas, os ciclistas de categorías superiores como máster ou sub-23 competirán polos primeiros postos na proba clasificable.

Pola súa banda, o presidente do Poio Bike Club, Paco Albar, manifestou o seu "orgullo por representar o segundo Ciclocrós de Poio e de comezar a tempada deportiva en casa", puntualizou. Ademais, o mesmo asegurou que á proba asistirán deportistas procedentes de diferentes puntos de España como Asturias, Cantabria, Canarias e Castela e León, e tamén de Portugal.

A pesar de que o prazo de inscrición na competición foi pechado o pasado mércores ás 22:00 horas, Paco Albar asegurou que "os nenos de promoción con licenza federativa poderán inscribirse o mesmo día da proba se se presentan na Seca entre as 8:00 e as 9:00 horas". Así mesmo, Guillermo Sande engadiu que " sempre hai algún rezagado ao que se lle pasa facer a inscrición, e non haberá problema en acetalo na proba".

No referente aos trofeos da proba: "Os cinco primeiros en categorías máster e sub-23, tanto masculinas como femininas, recibirán diferentes premios en metálico e o resto de categorías, galardóns en forma de trofeo", declarou o presidente do Poio Bike. Ademais, o líder da proba deste domingo terá a oportunidade de vestir o mallot de campión de copa. Finalmente, Albar quixo facer referencia á seguridade dos ciclistas na estrada e fixo un chamamento " ao respecto ao metro e medio e aos ciclistas", concluíu.