A Seca, preparada para o Campionato de España Infantil de fútbol sala feminino

Poio
08 de xuño 2022

La competición tendrá lugar este fin de semana y el conjunto local, el Poio Pescamar, debuta este viernes a las 20 horas contra el Alcorcón

Presentación do campionato de España infantil feminino de fútbol sala que se celebrará en A Seca Concello de Poio

O Salón de Plenos do Concello de Poio acolleu este mércores a presentación do Campionato de España de Fútbol Sala en categoría infantil feminina, que ao longo da vindeira fin de semana se disputará no pavillón polideportivo da Seca, na parroquia de San Xoán.

O Concello colabora na organización desta cita tan importante, unha fase final na que oito equipos de diferentes lugares do estado español competirán para levarse o título. Entre eles, atópase o equipo infantil do Poio Pescamar FS, que exercerá de anfitrión.

O alcalde, Luciano Sobral; a concelleira de Deportes, Marga Caldas, o presidente do club poiense, Juanjo García, o directivo da Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández, e a presidenta de Pescamar, Lupe Murillo, deron a coñecer os detalles do torneo, que comezará o venres, 10 de xuño, e concluirá o domingo 12 coa celebración da gran final.

O Poio Pescamar debutará o propio venres, ás 20 horas, contra o ADA Alcorcón, por un posto en semifinais. O equipo local chega a esta competición logo de proclamarse campión galego o pasado mes de maio. O resto de equipos que toman parte neste torneo son o FSF César Augusta, o Futsal Mataró, o UB Conquense, o Futsal Alcantarilla e o UD Playas de Málaga.

Os organizadores destacan o gran nivel desta competición, na que se darán cita algunhas das futbolistas que "a bo seguro darán que falar nos vindeiros anos ao máximo nivel", tal e como augurou Marga Caldas.

Neste sentido, a edil de Deportes felicitou ao Poio Pescamar e ao seu equipo infantil feminino por tomar parte nesta competición. "A día de hoxe o primeiro equipo xa está plenamente asentado na elite do fútbol sala feminino, pero tamén resulta un orgullo comprobar como o labor que realizan na base tamén está a obter os seus froitos", afirmou a concelleira.

O alcalde Sobral tamén salienta o impacto económico que pode ter a celebración deste torneo no municipio poiense. "Unha competición no que participan equipos chegados de toda España sen dúbida vai supoñer unha inxección importante para dinamizar a actividade hostaleira e comercial de Poio", augurou.