A RFEF divide o fútbol sala en subgrupos: o Leis competirá nun grupo autonómico e O Fisgón, contra galegas e salmantinas

Pontevedra
16 de setembro 2020

A Federación reestrutura todas as categorías do fútbol sala español, salvo a primeira masculina e feminina, para adaptarse ao novo escenario dunha pandemia que obrigou a atrasar o inicio da competición e en previsión de posibles suspensións ou aprazamentos de partidos

O Fisgón acabou a liga regular en segunda posición

Despois de confirmar o novo sistema de competición para a Segunda División B do fútbol español, a RFEF fixo oficial o redeseño do fútbol sala español. Salvo as máximas categorías masculinas e femininas, o resto de divisións quedarán divididas en subgrupos co obxectivo de recudir participantes e facilitar a disputa de todas as xornadas nunha tempada marcada polo incremento de equipos ao non haber descensos na pasada campaña, a falta de datas polo atraso no inicio da competición e a previsión de posibles paralizacións das ligas pola pandemia da Covid-19.

A primeira división masculina e feminina, na que milita o Poio Pescamar, mantense sen cambios. As vermellas afrontarán este ano unha liga con 18 equipos a dobre partido na que o obxectivo volverá ser estar na pelexa por unha praza na final a catro polo título.

Un chanzo por baixo, a segunda división, na que compite o Ancora d' Ouro (antes O Fisgón e proximamente Marín Futsal pola fusión dos clubs de fútbol sala do municipio), queda dividida en catro grupos e, á súa vez, cada un deles en dous subgrupos de nove equipos. Salvo o subgrupo 1A composto por seis equipos galegos (Valdetires Ferrol, Ancora D' Ouro FS, FSF O Castro, A Fervenza FS, Ourense FC e CD Mosteiro Bembrive) e dous de Salamanca (CD Universidade Salamanca e CD Inter Sala).

Nas competicións masculinas tamén se produciu unha reestruturación que afecta ao Leis Pontevedra, que milita na categoría de bronce deste deporte. Cos cambios aplicados, o conxunto pontevedrés pasará a competir nun grupo integrado unicamente por equipos galegos, o subgrupo 1B. Os seus rivais para o curso que está a piques de comezar son Sala Ourense 2014, Club Ribeira Fútbol Sala, SD Xove FS, Pizarras Los Tres Cuñados FS, O'Esteo FS, UV Ventorrillo FS, Cidade de Narón, O Parrulo Ferrol FS y A Estrada Futsal.

A modificación desta categoría inclúe a creación de seis grupos divididos cada un en dous subgrupos de entre oito e duez equipos atendendo a criterios xeográficos.

As bases de competición que regularán os novos sistemas de ascenso e descenso serán publicadas pola Real Federación Española de Fútbol nos próximos días.