A RFEF abre a porta para recuperar o sistema de eliminatorias de ascenso a ida e volta

Pontevedra
14 de xuño 2022

O ente federativo pide ás territoriais e clubs participantes en 1ª, 2ª e 3ª RFEF que envíen as súas propostas para o novo formato de competición antes do 17 de xuño

O Palencia fai o pasillo de campión ao Pontevedra tras o seu ascenso a Primeira RFEF Mosrey Fotografía

A Real Federación Española de Fútbol fixo chegar aos clubs que participarán o próximo curso nas categorías 1ª, 2ª e 3ª RFEF unha circular na que abre a porta para modificar o sistema de fases de ascenso e pide colaboración a todos os participantes para que envíen suxerencias para o novo formato de competición antes do 17 de xuño. As bases de competición para a próxima tempada deben aprobarse antes do día 30.

O primeiro punto do escrito recolle que "as bases de competición desta tempada 2021-22 establecían unha fase de playoff que se desenvolveu mediante o sistema de eliminatorias a partido único e nunha sede designada pola RFEF para cada unha das diferentes categorías. A elección destas sedes decidiuse tras ofertarse publicamente e adxudicouse por tres tempadas en 1ª RFEF a Galicia e en 2.ª RFEF, a Alacante. Non consideramos que isto sexa inamovible, se hai boa vontade polas partes", sinala a Federación abrindo a porta para retomar o sistema clásico de eliminatorias a ida e volta. 

Despois de xustificar as razóns que levaron a implantar este sistema de sedes neutrais como consecuencia da pandemia da covid-19 e os problemas económicos derivados de dificultades á hora de negociar os dereitos de televisión, desde o ente federativo convidan a todas as federacións territoriais e clubs participantes nestas categorías para participar no "proceso de mellora" da competición.

"Pedimos que nos acheguen nos próximos días as súas críticas e ideas (...) Estamos abertos a achegas a todos os aspectos: formatos, playoff, condicións, televisión, etc", conclúe a circular que marca como o 17 de xuño a data límite para o envío de propostas.