A 'Rara, pero San Silvestre' despídese co "éxito de alcanzar o nivel de participación que se alcanzou"

Pontevedra
15 de xaneiro 2021

O concelleiro de Deportes avanza a súa intención de que o MetroSilvestre elaborado para a proba se converta en "xermolo dunha rede de itinerarios urbanos para a promoción da actividade física ao aire libre"

Saída simbólica da 'Rara, pero San Silvestre' Mónica Patxot

Un mes despois a 'Rara pero San Silvestre' chega este venres ao seu fin cumprindo o seu obxectivo principal, o de promover a actividade física e o deporte.

Desde o goberno municipal, o concelleiro de Deportes valorou como "moi positivo" o desenvolvemento da actividade organizada conxuntamente coa Sociedad Gimnástica, sendo "un éxito alcanzar o nivel de participación que se alcanzou, con 1.010 persoas rexistradas e máis de 10.000 quilómetros percorridos, nun contexto de pandemia", sinalou o edil Tino Fernández.

Segundo os datos obtidos, cada un dos rexistrados fixo de media algo máis de dous circuítos e, ademais, houbo case 300 rexistros en modalidade libre, é dicir, persoas que fixeron actividade física fose dalgún dos 10 circuítos. Case a metade deles apuntáronse na primeira semana do programa, o 24% na segunda, o 20,5% na terceira e algo máis do 5% na última.

A boa sensación que deixou o 'Rara pero San Silvestre' tradúcese na elaboración dun MetroSilvestre cos itinerarios elaborados e que esperan sexa o "xermolo dunha rede de itinerarios a través da cal se poida promover a actividade física entre a cidadanía pontevedresa. Queremos desenvolver un programa neste sentido, poñendo en valor os fermosos carreiros naturais que temos os dous pasos do centro urbano", confirmou Fernández.