A Raña vive unha fin de semana de festa para a ximnasia rítmica galega

Marín
03 de xuño 2018

O pavillón marinense foi escenario o sábado do VI Torneo Intercentros do Club In Mare, mentres que o domingo acolleu o Campionato Galego Escolar coa participación de preto de 600 ximnastas

Campionato Galego Escolar de Ximnasia Rítmica Diego Torrado

Marín converteuse durante esta fin de semana no epicentro da ximnasia rítmica galega con dúas xornadas de deporte en estado puro.

O pavillón da Raña foi escenario durante o sábado do VI Torneo Intercentros do Club In Mare, no que participaron máis de 300 deportistas pertencentes a 15 escolas e colexios da provincia como o Colexio Abrente, Abrente, ED A Seca, EDM Hip Hop, Biqueira, O Carballal, Beluso, A Pedra de Bueu, EDM Marín e as escolas do propio club organizador.

O máis importante con todo reservábase para o domingo, cando o pavillón marinense recibía a visita de preto de 600 deportistas de diferentes clubs da provincia.

O motivo foi o Campionato Galego Escolar organizado pola Federación Galega de Ximnasia para as categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e sénior, con dobre sesión de mañá e tarde para dar cabida á competición nas diferentes categorías.