A quinta edición do dúatlon de Poio celébrase este sábado pola tarde en Lourido

Poio
15 de febreiro 2023

A cita, organizada polo Concello de Poio e o Club Triatlón Poio, confírmase como unha das probas de referencia desta modalidade en Galicia. A competición constará de categoría masculina e feminina con saída e chegada no parque de Costa Xiráldez

Presentación da quinta edición do Duatón de Estrada Movéndonos por Poio Concello de Poio

A contorna de Lourido acollerá este sábado, desde as 14.30 horas, a celebración da quinda edición do Duatlón de Estrada Movéndonos por Poio. Un evento que foi presentado este martes pola concelleira de Deportes, Marga Caldas, acompañada por responsables do Club Triatlón Poio e da Federación Galega de Triatlón.

Esta edición resultará especial por ser a primeira, despois de dous anos, que se pode desenvolver con absoluta normalidade, xa que as dúas anteriores estiveron marcadas polas restricións sanitarias provocadas pola pandemia da covid-19. A edila expresou a súa satisfacción polo feito de que esta cita deportiva “estea xa plenamente consolidada como unha das competicións referentes en Galicia”. Caldas ten claro que “isto é grazas ao gran traballo que realiza o Club Triatlón Poio” e tamén quixo expresar o seu agradecemento a institucións e entidades colaboradoras, como son A Rosa dos Ventos, a Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Marín e Poio (Hoempo) ou a Policía Local e a Asociación de Voluntarios de Protección Civil, entre outros. 

A saída e a liña de meta estarán emprazadas nas inmediacións do parque de Costa Xiráldez. Como é habitual, o duatlón constará de tres sectores diferentes. O primeiro deles será a pé e terá unha distancia de 5.500 metros. Posteriormente, os corredores completarán un circuíto en bicicleta de 21,47 quilómetros, para rematar cun último segmento a pé de 2,75 quilómetros, ata chegar á liña de meta.

O circuíto será moi técnico, tal e como adiantaron os organizadores. Os participantes pasarán pola avenida da Praia, Peirao Besada, Anafáns e Esqueiriños ata a confluencia con Zapateiros. Haberá premios en metálico para os tres primeiros clasificados tanto en categoría masculina como feminina, así como para o mellor club en ambos os grupos.

Ademais, habilitarase servizo de vestiarios e ducha no pavillón do CEIP Lourido. Se ben as probas darán comezo arredor das 15.30 horas, xa desde antes organizarase un dispositivo de seguridade na zona, no que se limitarán os accesos e o tránsito de tráfico rodado.

Marga Caldas precisou que os detalles do operativo xa foron trasladados aos negocios de hostalería existentes na zona e agradeceu a súa colaboración, sinalando a importancia de continuar apostando pola organización deste tipo de competicións, que “axudan a que Poio siga manténdose como un lugar de referencia no ámbito deportivo”.

Por último, comprometeuse a seguir traballando para que “no futuro poidamos albergar probas de ámbito nacional, o que redundaría de forma moi positiva nos sectores dinamizadores e económicos do noso concello”.

A proba tamén terá o seu lado solidario, xa que os asistentes á proba poderán facer doazóns para colaborar na campaña ‘Eu son gaiat@’, impulsada a través de diferentes concellerías para recadar fondos para o orfanato Casa do Gaiato de Mozambique, onde a directora do CIM, Raquel Morales, participou nun proxecto colaborativo a través do Fondo Galego de Cooperación.