A Primeira RFEF na que competirá o Pontevedra vai tomando forma

Pontevedra
16 de maio 2022

A terceira categoría do fútbol nacional, que contará con dous grupos, ten xa 10 dos seus 40 nomes confirmados a falta de dúas xornadas para a finalización da liga e a falta de que se disputen os play-off de ascenso a Segunda División

O Palencia fai o pasillo de campión ao Pontevedra tras o seu ascenso a Primeira RFEF Mosrey Fotografía

O Pontevedra Club de Fútbol recuperou o seu sitio no terceiro chanzo do balompé nacional, unha categoría que se estreou esta campaña tras a reestruturación buscando unha maior competitividade con só dous grupos de 20 equipos cada un.

Alí estarán por méritos propios os granates despois de asinar unha gran tempada, cumprindo co seu papel de favoritos no Grupo I da Segunda RFEF, e mentres celebran ter conseguido o obxectivo empezan xa a mirar de esguello aos que serán os seus rivais a próxima campaña.

A luns 16 de maio son xa 10 os equipos que teñen praza a próxima tempada na Primeira RFEF, dos 40 que haberá, a falta de dúas xornadas para que conclúa a liga nesta categoría e que se celebren os play-off de ascenso.

Entre estes equipos aparecen os recentemente ascendidos como o Pontevedra, que son o Osasuna Promesas, o Numancia, o Córdoba e o CF Intercity, xunto a dous clubs que xa certificaron o seu descenso desde a Segunda División, o Alcorcón e o Fuenlabrada.

Ademais no Grupo I da Primeira RFEF atópanse xa en terra de ninguén, sen posibilidade de  play- off de ascenso nin de perder a categoría, a Cultural Leonesa, a Unión Deportiva San Sebastián de los Reyes e a Sociedade Deportiva Logroñés.

O resto de equipo aínda contan con algún obxectivo ao seu alcance, ao que se suma un play-off de ascenso a Segunda que todo apunta xogarán tres equipos galegos como o RC Deportivo, o Racing de Ferrol e o Celta B.

REQUISITOS PARA PARTICIPAR NA PRIMEIRA RFEF

Outro aspecto para ter en conta son os requisitos que a Real Federación Española de Fútbol esixirá a próxima tempada aos equipos participantes na Primeira RFEF, tras un ano de moratoria, tal e como establecen as bases de competición.

Estas esixencias, que o Pontevedra cumpre, poñen en apertos a outros clubs, xa que será obrigatorio dispoñer dun campo de xogo de herba natural cun aforo mínimo de 4.000 espectadores, ademais dunha iluminación artificial de 600 luxes para a disputa de encontros en horario nocturno.

Entre os clubs participantes esta campaña na Primeira RFEF e que, segundo a clasificación actual, repetirían na categoría, hai varios que disputan os seus encontros sobre céspede artificial, como son o Unionistas de Salamanca, o San Sebastián de los Reyes e o DUX Internacional de Madrid no Grupo I, xunto a un Andorra que está a un paso de subir a Segunda División desde o Grupo II e un Cornellá que parece abocado ao descenso a Segunda RFEF.