A primeira das dúas balas de Lydia Pérez cara a París 2024 pasa por Acerbaixán

Pontevedra
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A deportista pontevedresa participará o vindeiro sábado 6 de abril en Bakú no clasificatorio olímpico continental, que reparte dúas prazas no seu peso para os próximos Xogos

Lydia Pérez Touriño, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva Mónica Patxot

Despois de moitos meses de preparación chega o momento da verdade para Lydia Pérez Touriño na súa meta de converterse en olímpica o próximo verán en París 2024.

Neste complicado reto a deportista pontevedresa ten aínda dúas balas na recámara, e a primeira é o clasificatorio continental europeo que terá lugar do 5 ao 7 de abril en Bakú, capital de Acerbaixán.

A cita reparte dúas prazas olímpicas por peso, polo que o billete pasa por chegar á final do torneo, xa que non haberá nesta ocasión nin repesca nin combate polo bronce.

Lydia Pérez é unha das sete loitadoras nacionais convocadas para o preolímpico de Bakú, no seu caso para competir na categoría de 62 quilos. Ademais representarán a España en loita feminina Aintzane Gorria (50kg) e Grace Sánchez (57kg), na libre masculina Levan Metreveli (57kg), Carlos Álvarez (65kg) e Taimuraz Friev (86kg) e en grecorromana Marcos Sánchez-Silva (77kg).

No caso da deportista do Club Loita Pontevedra, a súa participación está prevista para o sábado día 6 de abril.

No caso de non conseguir a praza para París 2024 en Bakú, a última esperanza será o preolímpico mundial, sobre o papel algo máis accesible, que se celebrará do 9 ao 12 de maio en Istambul.