A pretemporada de Arxil e Cortegada pasa por disputar a Copa Galicia

Pontevedra
16 de xullo 2022

A Federación Galega de Baloncesto deu a coñecer esta semana o calendario que lle esperan ao Club Baloncesto Arxil e ao Mariscos Antón Cortegada na Copa Galicia. Arrincará o día 11 de setembro con descanso para o conxunto verde na primeira xornada e con enfrontamento ante o Maristas Coruña para as de Vilagarcía

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada no CGTD Mónica Patxot

A Federación Galega de Baloncesto deu a coñecer esta semana o calendario que lle esperan ao Club Baloncesto Arxil e ao Mariscos Antón Cortegada na Copa Galicia.

Arrincará o día 11 de setembro con descanso para o conxunto verde na primeira xornada e con enfrontamento ante o Maristas Coruña para as de Vilagarcía.

Na segunda, que se celebrará o 13 ou o 14, Arxil e Cortegada veranse as caras no CGTD de Pontevedra; mentres que no terceiro partido mediranse coruñesas e pontevedresas o 17 ou 18 de setembro.

O formato establecido pola Federación supón que o campión deste grupo pasará directamente ás semifinais do 23 de setembro.

A dirección deportiva do Arxil ve "con bos ollos" este tipo de liguiña xa que "asegura a disputa de dous encontros e, se todo vai ben, dun máis, o de semifinais, ante un equipo de superior categoría".

A pretemporada do equipo adestrado por Mayte Méndez comezará o 1 de setembro con partidos amigables e a xa nomeada Copa Galicia, que servirá como posta a punto para unha nova tempada en Liga Feminina 2.