As novas promesas da vela galega puxéronse en mans do campus de Pontevedra para mellorar o seu rendemento deportivo.
Investigadores do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte traballan, no marco dun contrato de I+D, na avaliación, deseño e execución dun programa de preparación física para os integrantes do programa de tecnificación da Real Federación Galega de Vela.
Trátase dun proxecto que abarca tanto o deseño e o desenvolvemento das sesións de adestramento, como a realización dunha serie de avaliacións do rendemento aos deportistas e o apoio aos técnicos da federación na planificación anual do adestramento.
Participan nel unha vintena de deportistas bolseiros no Centro Galego de Vela de Vilagarcía (CGV) e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD).
"Son mozos de 16 ou 17 anos, cos que o traballo ás veces non é tan específico, senón orientado a un desenvolvemento motor básico co que evitar descompensacións e xerar unha mellor condición intra e intermuscular, que é o que logo lles vai a permitir dar un salto de calidade", explica o decano da facultade e coordinador destes traballos, Óscar García.
En base aos resultados dunha serie de probas de potencia, forza máxima, velocidade, axilidade, mobilidade articular, control postural ou asimetrías laterais e funcionais, defínese un plan e as sesións de adestramento que coordina Ginés Martínez, integrante do laboratorio, e que levan a cabo dúas veces por semana no CGTD e tamén no CGV, onde levan a cabo adestramentos específicos.
"O ano pasado tivemos unha experiencia piloto con eles e foi francamente ben", recoñece Óscar García. "Penso que demos un paso adiante moi grande na busca do rendemento e a optimización", engade Bruno Gago, director deportivo da Federación Galega de Vela, incidindo en que este proxecto permítelles "crecer na dirección do ámbito rendemento".