A preparación de Gómez Noya para os Xogos Olímpicos pivotará sobre as Series Mundiais

Pontevedra
10 de decembro 2019

O pentacampión mundial de tríatlon en modalidade olímpica, que xa comezou coa súa pretemporada, apadriñou este martes o nacemento dun novo club froito da fusión entre o Motobike Galaico e o Club Tríatlon Poio e repasou o camiño que lle espera cara ao obxectivo de Tokyo 2020

Javi Gómez Noya na presentación do Motobike Poio Galaico Cristina Saiz

Javier Gómez Noya xa se puxo ao choio na súa preparación para os Xogos Olímpicos de Tokyo 2020. Ese será o seu principal obxectivo da nova tempada e todo virará sobre iso para tentar chegar á cita nas mellores condicións posibles.

O medallista de prata en Londres 2012 e pentacampión mundial de tríatlon en modalidade olímpica apadriñou este martes a presentación do novo club local nacido da fusión do Motobike Galaico Pontevedra e o Club Tríatlon Poio, e repasou o camiño que lle espera cara a Tokyo.

Gómez Noya: "Despois de Abu Dhabi xa estarei con base en Galicia, desde aquí sairei ao resto de competicións e desde aquí faremos a preparación para os Xogos"

"Xa empecei a adestrar pero tamén con moitos compromisos e viaxes. A partir da semana que vén que estarei xa en Nova Zelandia estarei xa máis centrado para traballar duro", explicou Gómez Noya, que establecerá a súa base nas antípodas ata o mes de marzo, cando quedará definitivamente na casa para preparar as olimpíadas. "Despois de Abu Dhabi xa estarei con base en Galicia, desde aquí sairei ao resto de competicións e desde aquí faremos a preparación para os Xogos", revelou.

Noya non descarta inscribirse nalgunha carreira 70.3 no mes de febreiro "en función das miñas necesidades de adestramento", pero a súa tempada pivotará sobre as carreiras das Series Mundiais que "creo que son as probas máis específicas para preparar a cita olímpica".

Así será polo menos nas primeiras probas, previsiblemente Abu Dhabi (7 de marzo), Bermuda (18 de abril), Yokohama (17 de maio) e Leeds (7 de xuño). Despois "Montreal está aínda no aire", asegura o campionísimo galego e "Hamburgo que é sprint e soamente dúas semanas antes, esa 100% practicamente que non a farei", afirmou ao termo da presentación.

Para completar o camiño cara a Tokyo 2020 Javi Gómez Noya tamén ten en mente "algunha concentración en lugares de calor e humidade extremas que son un pouco as condicións que nos imos a atopar en Tokyo".

O que si é seguro é que a longa distancia, coa clasificación para o Mundial de Hawaii 2020 no peto, quedará aparcada ata despois da competición olímpica.

Antes de partir cara a Nova Zelandia, está previsto que Gómez Noya reciba este mércores en Madrid a Orde Olímpica que outorga o Comité Olímpico Español (COE) e que supón a súa máxima distinción deportiva, unha honra que compartirá con Iván Raña e que "me fai moita ilusión", sinalou.