A portuguesa Carolina Bernardeco, primeira fichaxe do Arxil

Pontevedra
03 de agosto 2022

A xogadora, internacional polo seu país e que pode ocupar o posto de base e de escolta, xogou a pasada campaña no CAB Madeira da primeira división lusa

Carolina Bernardeco, nun partido coa selección portuguesa Federaçao Portuguesa de Basquetebol

O Club Baloncesto Arxil xa ten á súa primeira fichaxe para a próxima tempada, na que volverá competir na Liga Feminina 2.

Trátase de Carolina Bernardeco, xogadora portuguesa que o pasado curso defendeu as cores do CAB Madeira na máxima división lusa.

Bernardeco, internacional coa selección do seu país, pode alternar os postos de base e escolta.

"É unha xogadora que a pesar da súa idade (26 anos) e cunha altura de 1,72 ten moita experiencia xa que xogou no Queens de Charlotte da liga universitaria americana, o Madeira da liga 1 e é asidua da selección portuguesa. Dela esperamos que sexa unha peza máis e que asuma o seu rol dentro do equipo", explicou tras a súa incorporación o directivo arxilista Lino Vázquez.

Pola súa banda Carolina Bernardeco ponse obxectivos ambiciosos na súa nova etapa no Arxil. "As aspiracións son ascender", asegurou, esperando "poder achegar competitividade ao equipo".