Nova oportunidade do Poio Pescamar para estrear a súa marcadora de vitorias como local. As vermellas debutaron a pasada semana na Seca cun empate diante do Roldán e este sábado, a partir das 19 horas coas cámaras da TVG no pavillón, volverán tentalo contra o Cidade de As Burgas, que iniciou a tempada con derrota contundente contra o Penya Esplugues (7-1).
Aínda así, as de Manuel Cossío deberán superar un importante contratempo, pois afrontarán o derbi coas baixas das gardametas internacionais coas que conta o primeiro equipo. Caridad acabou expulsada na última xornada, mentres que Silvia Aguete sofre unha escordadura de grao dous no ligamento interno do seu xeonllo que a manterá afastada dos terreos de xogo polo menos tres semanas máis.
As encargadas de gardar as redes do cadro conserveiro serán as porteiras do filial Iria Varela e Aroa. A primeira, de só 15 anos, xa tivo a oportunidade de debutar a pasada semana realizando unha actuación espectacular que permitiu ao Poio Pescamar rescatar un punto.
A falta dunha sesión de adestramento prevista para a tarde deste venres, Cossío poderá contar con todas as súas xogadoras de campo para conseguir o primeiros tres puntos da tempada.