A pontevedresa Daniela Suárez, subcampioa do mundo en natación artística

Pontevedra
14 de agosto 2022

A pontevedresa e nadadora do Galaico Sincro, Daniela Suárez, acábase de proclamar campioa do mundo de natación artística infantil co equipo español

Daniela Suárez co equipo nacional infantil de natación artística subcampión do mundo Galaico Sincro

A pontevedresa e nadadora do Galaico Sincro, Daniela Suárez, acábase de proclamar campioa do mundo de natación artística infantil co equipo español.

Na xornada do sábado disputouse a final de Rutina Combinada no Campeonado do Mundo que se celebrou en Charlotte (USA), onde a Selección Española alzouse coa medalla de prata, xusto por detrás das xaponesas e por diante do equipo anfitrión.

Daniela Suárez, desta forma, convértese na primeira deportista de natación artistica galega de todos os tempos en facerse cunha medalla nun mundial.

Con ela, acudiu tamén a Estados Unidos Sandra Montes, directora técnica do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, compoñente do equipo técnico da Selección Española e unha das pezas fundamentais do traballo nesta disciplina que se está desenvolvendo en Galicia e que tan bos resultados está a dar. 

O Campionato do Mundo terminará este domingo cos final dúos libres femininos e a rutina de equipo libre nas que o equipo español pode conseguir algunha medalla máis.

O medalleiro español neste mundial consta dunha medalla de prata en Figuras para Rocío Calle, do Retiro, unha de bronce en Só para Carla Lorenzo, do Granollers, e outra de prata en Rutina Combinada.