A 'Pontevedra 4 Picos Bike & Trail' estréase ao grande

Pontevedra
19 de abril 2015

Un total de 1.400 deportistas tomaron a saída este domingo na estrea da proba, que contou con 1.180 inscritos na modalidade de BTT e 220 na de Trail

Primeira edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail Diego Torrado

As chuvias dos últimos días deron unha tregua para gozar dunha agradable xornada deportiva na estrea da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail Desafío Rías Baixas.

A ambiciosa proba deportiva arrancou ás 8:30 horas cunha espléndida mañá que horas despois se foi cubrindo, pero que non embazou a diversión dos 1.400 inscritos.

A esa hora deuse a saída na rúa Enxeñeiro Rafael Areses ás dúas opcións de BTT, de 60 e 120 quilómetros aproximadamente, con 1.180 ciclistas.

Algúns optaron pola ruta curta e ascensións aos altos de Castiñeiras e A Fracha, pero moitos foron os que completaron a opción longa seguindo por Pontillón do Castro e A Escusa.

O de menos era o posto, xa que se trataba dunha proba non competitiva, pero os primeiros de cada modalidade recibiron un recoñecemento por parte da organización.

Dúas horas despois de iniciarse a carreira ciclista, outros 220 inscritos tomaron a saída no Trail, con opcións de 15 e 30 quilómetros.

A xornada completouse nas inmediacións do Recinto Feiral de Pontevedra con expositores profesionais, clases gratuítas de spinning e diversas actividades.