O Club Waterpolo Pontevedra volverá ser, dous anos despois, anfitrión dun Campionato Galego de Waterpolo. Serán os organizadores do campionato cadete mixto de inverno que se celebrará o vindeiro sábado 5 de marzo na piscina do CGTD de Pontevedra.
Con tal motivo, na sala de reunións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra tivo lugar a presentación do Campionato Galego coa participación do Director do CGTD de Pontevedra, Jesús López, en representación da Secretaría Xeral para ou Deporte da Xunta de Galicia; o Presidente da FEGAN Carlos Touriño e o Presidente do CW Pontevedra José Ángel Tellería.
Pontevedra será o epicentro do waterpolo galego tras dous anos de ausencia debido á pandemia, un tempo que se alongou máis da conta ao sumarse unha obra de reforma da piscina do CGTD de Pontevedra, pechada desde finais de novembro e que esta fin de semana reestréase co Campionato Galego Cadete Mixto de Inverno.
Un campionato que contará coa participación de oito equipos de seis clubs galegos, disputándose en formato de copa, desde cuartos de final e con rolda de clasificación para decidir os postos do primeiro ao oitavo, de modo que todos os equipos xogarán tres partidos.
O CW Pontevedra participará con dous equipos co obxectivo de que todos e todas as súas deportistas de categoría cadete e algúns de infantil teñan oportunidade de xogar e participar.
Os partidos serán emitidos en directo a través da web do CW Pontevedra waterpolopontevedra.com