A piscina de 25 metros de Rías do Sur seguirá aberta á espera dunha solución que permita reabrir a olímpica

Pontevedra
12 de decembro 2022

A Fundación comprometeuse a manter en funcionamento a piscina dos 25 metros para uso dos clubes até o mes de febreiro e o Concello subvencionará aos clubes durante este tempo para axudar ao mantemento deste espazo

Lores e Tino Fernández reúnense coa Fundación e os clubes acuáticos para tratar o futuro de Rías do Sur Concello de Pontevedra

As partes afectadas polo peche da piscina olímpica das complexo Rías do Sur mantiveron este luns unha reunión, na que participaron o alcalde Lores e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; para tratar de evitar o peche da piscina de 25 metros, actualmente única instalación en funcionamento en Ponte Muíños, anunciado por parte da Fundación Rías do Sur, propietaria da instalación, a partir do 1 de xaneiro.

As principais conclusións do acordo pasan polo compromiso da Fundación para manter en funcionamento a piscina dos 25 metros paira uso dos clubs até o mes de febreiro e o Concello subvencionará os clubs durante este tempo paira axudar ao mantemento deste espazo.

Ademais na primeira quincena de febreiro será realizada unha nova reunión na que se agardan ter máis datos de previsións do que custaría usar a piscina de 50, como avanzan os traballos na súa posta en marcha e que se prevé no futuro co fin de seguir avanzando.

"O Concello está disposto a favorecer calquera alternativa que permita desenvolver a actividade, aínda que sexa en precario mentres non se proceda ao enchido da piscina de 50 metros. Estamos dispostos a colaborar incluso económicamente", recoñeceu o titular de Deportes, Tino Fernández, ao finalizar un encontro no que participaron tamén representantes de todos os clubs de auga da cidade e da Fundación Rías do Sur.

Con todo, desde o goberno local necesitan tempo para atopar unha solución definitiva ao conflito. "Os tempos administrativos son os que son e necesitamos tempo para facer as cousas", argumentou o tenente de alcalde para pedir á Fundación que "sexa sensible ás necesidades dos clubes mentres a piscina de 50 metros non se poña a funcionar, que faga todo o posible para que o vaso de 25 metros siga aberto á espera de que podamos recuperar a actividade normal da piscina".

Reiterou Fernández a intención do Concello de colaborar, pero puntualiza que "a piscina non é nosa e temos dificultades mesmo para firmar acordos de financiacion e iso nos leva máis tempo".