A pelexa polo ascenso a Primeira Nacional leva o Bádminton Ravachol ata Palma de Mallorca

Pontevedra
20 de marzo 2018

O club pontevedrés atópase ante o gran reto da tempada, a fase de ascenso que se disputará a próximo fin de semana en Mallorca e á que acudirá co seu equipo de gala

Equipo do Club Bádminton Ravachol Pontevedra Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra chega ao momento clave da tempada, na que buscará alcanzar o principal obxectivo que se marcou na súa estrea na alta competición, alcanzar a Primeira División Nacional.

O club pontevedrés, campión do grupo galego da Segunda Nacional, viaxa a Palma de Mallorca para tomar parte na fase de ascenso, que terá lugar o sábado 24 e o domingo 25 de marzo.

O conxunto dirixido por Jesús Pereiro quedou encadrado no grupo C, onde se terá que medir ao Canovelles, campión da liga catalá, ao CB El Campello, campión da liga de Comunidade Valenciana, e ao conxunto local, o CB Palma, que disputa a promoción tras quedar na 14ª posición da liga de Primeira Nacional.

A expedición do Ravachol partirá o venres rumbo ás Illas Baleares e farao co seu equipo de gala, o que conforman Ana Carbón, Miguel Sanluis, Elena Andreu, Iván Darriba, Noelia Gestoso, Adrián Rey, María Torres e Rafael Vázquez.

A competición dará comezo o sábado coa fase de grupos, mentres que o domingo dirimirase o ascenso de categoría. Lograrano de maneira directa os primeiros clasificados de cada grupo, mentres que os segundos clasificados disputaranse entre eles a útima praza en xogo.