A Pedreira despide as celebracións do ascenso do Pontevedra coa recepción do Concello

Pontevedra
29 de xuño 2015

Humor, alegría e bo ambiente. A praza da Pedreira foi o marco elixido polo Concello na tarde deste luns para a recepción oficial aos compoñentes do Pontevedra con motivo do seu ascenso, un acto que pechaba unha xornada de celebracións e que discorreu no medio do bo ambiente e mellor humor, coa presenza duns 300 afeccionados

Celebración do ascenso do Pontevedra en Mugartegui Mónica Patxot

Humor, alegría e bo ambiente. A praza da Pedreira foi o marco elixido polo Concello na tarde deste luns para a recepción oficial aos compoñentes do Pontevedra con motivo do seu ascenso, un acto que pechaba unha xornada de celebracións e que discorreu no medio do bo ambiente e mellor humor, coa presenza duns 300 afeccionados.

Pasaban uns minutos das oito da tarde cando chegaban xogadores, corpo técnico e consello de administración. Recibidos por unha pechada ovación que se repetiría constantemente durante os 60 minutos, aproximadamente, que durou o acto. O cansazo deixábase notar nas caras de moitos, malia o cal as ganas de seguir gozando superaban calquera obstáculo.

Dende o balcón do Pazo de Mugartegui, o primeiro en dirixirse ao público foi o capitán do equipo, Adrián Gómez, con "palabras de agradecimiento a la afición". Logo sería a quenda de Luisito. O adestrador foi de longo o máis aclamado pola afección, e máis cando dixo que "isto é ou principio dos pasos pequeniños que temos que dar, peros pasos firmes, e esperemos que isto non quede aquí".

Seguidamente foi a presidenta Lupe Murillo que foi breve, como todos os intervenientes, agradecendo á afección o seu apoio para rematar dicindo que "hemos ascendido y esperamos que la temporada que viene sea más y mejor".

Para rematar tomou a palabra o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Fixo mención ás dificultades superadas polo club en 2011, cando estivo ao bordo da desaparición, agradecendo as persoas e empresas que colaboraron para evitala. Logo expresou que "é unha alegría conseguir esto que estivemos esperando catro anos. Foi imprescindible este último apoio financieiro de Lupe Murillo. O club non está aínda saneado pero está no bo camiño. Agardo que os próximos anos se siga nesa política e poidamos ascender a segunda que é donde realmente debe estar o Pontevedra. Temos unha afición que o domingo pasado demostrou que quere que o Pontevedra esté na segunda división. ¡Aupa Pontevedra!".

Logo foi a quenda para o showman da tarde. Emulando a Pepe Reina, apoderouse do micrófono o porteiro Sergio Lloves, que foi presentando un a un a todos os seus compañeiros e corpo técnico, cunha divertida mención para todos, convenientemente aclamados polos afeccionados, que enlazaron cánticos dedicados aos xogadores e adestrador, especialmente cando Lloves mencionou o nome de Tubo, bautizado polos seguidores como "Panenkas".

Para finalizar, xa no interior do Pazo, os compoñentes do Pontevedra con algúns convidados, compartiron un viño galego cos membros da corporación municipal, que asistiu case en pleno ao acto que poñía fin ás celebracións do ascenso.