A páxina de Wikipedia do Pontevedra, alterada con mensaxes ofensivas cara o club e a súa afección

Pontevedra
27 de agosto 2019

O persoal da entidade de Pasarón restaurou a versión orixinal tan pronto como tiveron coñecemento do ataque, aínda que polo momento non notificaron o ocorrido aos administradores de Wikipedia

A páxina de Wikipedia do Pontevedra, atacada polos trols PontevedraViva

A páxina de Wikipedia do Pontevedra sufriu este martes o ataque dun trol, apelativo co que se coñecen aos usuarios de redes sociais que atacan a outros usuarios sen identificarse e sen motivo aparente. A sección de introdución, na que figuraba unha breve descrición do equipo de Pasarón, foi modificada cunha mensaxe ofensiva na que menosprezaban ao club e á súa afección citando ademais á presidenta, Lupe Murillo, e á súa familia.

"O Pontevedra Club de Futbol é un club de fútbol que xoga sempre co seu estadio baleiro. Na actualidade conta con dous afeccionados, un é a presidenta e outro o seu fillo. Actualmente o Pontevedra vive cohibido polo Celta, xa que mentres o Celta xoga en Primeira División, eles teñen que vela pola televisión. Contan con tres trofeos roubados na Federación Galega de Fútbol", recollía esta ofensiva presentación.

A noticia correu polas redes sociais e tan pronto como o persoal do club tivo coñecemento do ataque, accederon á Wikipedia para restaurar a versión orixinal. Con todo, polo momento non decidiron se notificar aos administradores da páxina web o sucedido. 

"O Pontevedra Club de Fútbol SAD é un club de fútbol que xoga na cidade de Pontevedra. Actualmente o Pontevedra milita no Grupo I da Segunda División B, terceira categoría do fútbol español.", recolle a descrición tras a intervención do persoal do club.

Wikipedia é unha enciclopedia colectiva online á que calquera persoa pode acceder para achegar información acerca de calquera asunto. Na maior parte dos casos, os usuarios achegan datos útiles e contrastados. Con todo, algunhas veces as páxinas sofren ataques como a que padeceu este martes a do Pontevedra. Para evitar estas situacións, Wikipedia conta cun amplo plantel de administradores que supervisan e comproban as modificacións realizadas polos usuarios e, se detectan algún contido incorrecto ou ofensivo, enseguida restauran a versión anterior.