A nadadora artística Daniela Suárez segue recibindo felicitacións, hoxe no Concello

Pontevedra
31 de agosto 2022

Fernández Lores e Tino Fernández recibiron á prometedora deportista que vén de gañar cinco medallas internacionais con só 13 anos

Fernández Lores e Tino Fernández reciben á nadadora Daniela Suárez Cristina Saiz

A prometedora nadadora Daniela Suárez segue recibindo eloxios. Se onte foi recibida pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba, este mércores foron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o concelleiro de Deportes, TIno Fernández, os que felicitaron á nova deportista polos seus éxitos internacionais na disciplina de natación artística.

Suárez, de 13 anos, fixo case 10.000 quilómetros estes últimos meses entre Cheste, Francia, Barcelona e os Estados Unidos, participando no seu primeiro gran campionato fóra da casa. Así, ela e as súas compañeiras lograron a prata na proba de rutina combinada, logo o ouro no exercicio de rutina de equipo libre, o bronce en dúo mixto —foron a parella máis nova da competición, ela e o seu compañeiro Eneko Sánchez—, outra prata, na rutina combinada, e, por último outro ouro en rutina libre.

Un incríbel verán de medallas no que Daniela acabou por converterse na nadadora artística galega máis aplaudida da historia, un feito histórico para o deporte do país e, por suposto, para o deporte pontevedrés.

O alcalde lembra que os éxitos no deporte son de enorme para interese para a sociedade debido a conexión que esta establece co deporte en todas as súas disciplinas. "O deporte é un xerador de orgullo local, logra que a xente se sinta orgullosa de onde é, de ter veciños e veciñas que logran éxitos polo mundo. Daniela fai que Pontevedra sexa internacional e de seguro que ten por diante unha carreira que seguiremos e na que a Boa Vila será importante", sinalou.

A moza nadadora chegou ao Concello acompañada das súas adestradoras e do presidente do Club Galaico Sincro, José Maquieira, que amosaron o seu orgullo e conversaron tamén cos representantes municipais nesta recepción.