A 'Marea Granate' prepara a invasión do Vero Boquete

Pontevedra
08 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A afección do Pontevedra mobilizarase para apoiar o seu equipo o vindeiro domingo 14 en Santiago de Compostela, nun duelo que a falta de catro xornadas para o final de liga pode supoñer un paso de xigante para achegarse ao ascenso. O club puxo ao dispor dos seguidores unha viaxe organizada, pero moitos preparan xa o seu desembarco de maneira particular na capital galega

Bancada de Pasarón no partido de liga entre Pontevedra e Covadonga Cristina Saiz

A afección do Pontevedra Club de Fútbol mobilizarase para apoiar ao seu equipo o vindeiro domingo 14 (16.30 horas) en Santiago de Compostela.

A 'Marea Granate' envorcarase co seus a catro xornadas do final da competición para un encontro que pode supoñer un paso de xigante para achegarse ao ascenso.

Nada máis concluír o partido fronte ao Covadonga, o club pontevedrés anunciaba pola megafonía de Pasarón a organización dun desprazamento en autobús á capital galega para os seus seguidores, unha viaxe que será ademais de balde aos primeiros en anotarse no que respecta á viaxe, ao estar patrocinado o primeiro autocar pola empresa 7Play, polo que só será necesario retirar a entrada para o choque.

A iso sumaranse multitude de seguidores que xa nas bancadas este domingo pensaban en acudir por medios propios ao Estadio Vero Boquete San Lázaro de Santiago de Compostela.

Os interesados en ir ao partido en autobús ou en sacar simplemente a súa entrada, poden xestionalo nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón desde este mesmo luns en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

As entradas para o encontro fronte ao Compostela, inmerso no seu caso na pelexa por entrar no play-off, terán un custo de 15 euros para o público adulto no sector reservado para afeccionados granates, mentres que os menores  de entre 3 e 16 anos deberán pagar 5 euros. Os billetes poden tamén retirarse a través da plataforma dixital habilitada polo Compostela.