A marcha pontevedresa toma contacto cos 35 quilómetros no nacional de ruta

Pontevedra
12 de febreiro 2021

A incorporación progresiva dos 35 quilómetros marcha, que substituirá este ano aos 50 quilómetros, será unha das novidades salientables do Campionato de España de Marcha en ruta que terá lugar en Sevilla esta fin de semana e ao que acudirán preto de douscentos atletas, dos cales cinco son da comunidade galega

Daniel Chamosa, durante unha competición José Bermúdez

A incorporación progresiva dos 35 quilómetros marcha que substituirá este ano aos 50 quilómetros, será unha das novidades salientables do Campionato de España de Marcha en ruta que terá lugar en Sevilla esta fin de semana, a onde acudirán preto de douscentos atletas, dos cales cinco son da comunidade galega.

Na proba dos 35 quilómetros en ruta tomará parte a internacional e campioa de España dos 10.000 metros Antía Chamosa, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, quen intentará ampliar o seu importante palmarés na proba na que debuta. Baseándose en resultados anteriores, a súa última referencia en distancias longas remóntase ao ano 2019 sobre os 50 quilómetros.

Tamén nesta proba competirá a internacional Sub23 Iria Rivas do Ría Ferrol, outra das marchadoras que dan o salto aos 35 quilómetros, sendo seu obxectivo facer uns bos rexistros de paso e acumular metros na alta competición.

Dani Chamosa, da Gimnástica, volve a repetir sobre a máxima distancia do calendario atlético logo da súa experiencia do 2019. O campión galego absoluto seguirá intentando recuperar neste test esas mesmas sensacións que lle permitiron no ano 2016 ser internacional mundialista Sub20.

Na categoría Sub 18 contaremos coa presencia de María Aboy do Atletismo Cuntis, nos 10 quilómetros. María fora finalista no galego absoluto dos 5 quilómetros no 2019 na categoría Sub16.

Por último, na categoría Sub16 e sobre os 5 quilómetros, contarase coa participación do medallista de bronce nos campionatos galegos Sub14 do ano 2020, Jorge Espiño, tamén do Cuntis.