Á terceira xornada chegou a primeira vitoria dun deportista español no Mundial U20 de Loita de Pontevedra.
Conseguiuno, en día sen participación galega, a andaluza María Cazalla na loita feminina, na categoría de 50 quilos.
Cazalla gañou 4-2 o seu combate de oitavos de final aos puntos a Hewa Pedige, de Sri Lanka, e aínda que cedeu despois en cuartos queda a opción este xoves da repesca, para a que se clasificou para loitar por unha medalla xa que a rival que a eliminou, a chinesa Yu Zhang (0-8), avanzou ata a final.
Peor sorte correron as tamén españolas Pau Gimeno (55 kg), Rosa Molina (59 kg) e María Civantos (68 kg), ao perder as tres no seu primeiro combate do torneo.
A vibrante xornada no Pavillón Municipal dos Deportes supuxo, ademais da estrea da loita feminina, o peche da modalidade de grecorromana, na que o nacional Dani Campos non puido avanzar nas roldas de repesca ao perder contra o turco Raazan Can Aktas.