A IX Carreira de San Brais, de novo punto de partida do Circuíto de Carreiras Populares

Pontevedra
25 de xaneiro 2017

A parroquia pontevedresa de San Brais ten todo listo para acoller, o vindeiro domingo 29 de xaneiro, a novena edición da súa carreira popular, que aspira a reunir a máis de medio milleiro de deportistas entre a prubea absoluta e as de categorías inferiores

Presentación da IX Carreira de San Brais
Presentación da IX Carreira de San Brais / PontevedraViva

Un ano máis San Brais prepárase para dar o pistoletazo de saída do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, na súa quinta edición.

Catro anos máis, nove cumpre nesta ocasión, leva celebrándose a proba popular de San Brais, unha carreira que ten o aliciente da "participación da xente e dos veciños", sinalou na súa presentación José Luis Gallego, coordinador da proba deportiva.

Os organizadores esperan reunir a máis de medio milleiro de deportistas, entre a carreira senior e as de categorías inferiores, durante a mañá do domingo 29 de xaneiro.

"É o mesmo circuito que o ano pasado, as mesmas costas e a mesma dureza, pero hai unha vantaxe despois, hai chocolatada", explicou Gallego.

Serán, para os deportistas senior, 6.500 metros de percorrido con saída e meta no centro comercial de Salcedo. A proba absoluta está fixada para as 12:30 horas, mentres as diferentes categorías inferiores competirán desde unha hora antes.

A recollida de dorsais, do mesmo xeito que a inscrición das carreiras de menores, pode realizarse desde o sábado no centro comercial, de 16:30 a 20:30 horas, ou o domingo de 9:00 a 11:00 horas para os menores e desde as 11:30 para os adultos, cuxo prazo de anotación finaliza este mércores.