A Federación Internacional de Tríatlon (ITU) quixo render unha pequena homenaxe a Javier Gómez Noya tras poñer punto e final á súa etapa na modalidade olímpica.
O triatleta galego deu o paso para competir na longa distancia pechando unha etapa nas Series Mundiais ITU que acaba como o triatleta máis laureado da historia con cinco título mundiais.
"Javier Gómez despídese como un dos triatletas máis destacados da historia", sinala a Federación engadindo que nas súas máis de 100 carreiras no Mundial de tríatlon sumou ata 45 vitorias e 80 podios, cunha porcentaxe absolutamente espectacular á que se suma a súa medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.
Na súa sinxela homenaxe a Federación comparte ademais declaracións do propio Gómez Noya, nas que recoñece que "competín cos triatletas máis talentosos do mundo, de diferentes xeracións, coñecín xente incrible e síntome honrado de ser o atleta con máis títulos mundiais e máis vitorias no deporte. Foi unha viaxe incrible e gustaríame agradecer a todos os que formaron parte del".