A importancia da preparación específica de porteiros, a escena en Príncipe Felipe

Pontevedra
17 de xuño 2019

Medio cento de gardametas participarán entre o 24 e o 28 de xuño no segundo campus 'Keeper Camp Azero Cidade de Pontevedra', que foi presentado este luns na  Deputación

Presentación do segundo campus 'Keeper Camp Azero Cidade de Pontevedra' PontevedraViva

O Pazo Provincial da  Deputación de Pontevedra foi escenario este luns da presentación do segundo campus 'Keeper Camp Azero Cidade de Pontevedra'.

Este campus, que pretende poñer en valor a figura do gardameta no fútbol, contará coa dirección de Alberto Domínguez, porteiro do Coruxo, e a participación de Edu Sousa, capitán do Pontevedra Club de Fútbol, ademais de con o adestrador Toño Rodríguez (EF Portero 2000).

"Preocúpanos o que pasa dentro do campo pero tamén fóra", explicou ante os medios de comunicación Domínguez, xa que "creo que hai moitos nenos que levan moi mal o de perder e encaixar goles".

Ese aspecto formativo, a nivel anímico, será un dos aspectos nos que farán especial atención do 24 ao 28 de xuño na Cidade Infantil de Príncipe Felipe, onde levará a cabo o campus con xornadas de 10:00 a 19:00 horas.

"Eu creo que xogamos a outro deporte", completou o seteiro do Coruxo, no que hai que aprender tanto a recibir goles como críticas para seguir gozando do xogo, que é do que se trata.

Na segunda edición desta iniciativa de verán apuntáronse medio cento de nenos e nenas de 7 a 16 anos de idade.