A igualdade da categoría e os resultados dos rivais dan un respiro ao Pontevedra

Pontevedra
14 de decembro 2020

A pesar de encadeas tres xornadas sen vencer, o cadro granate mantense terceiro na clasificación, aínda que a pelexa polos primeiros postos está máis apertada que nunca

Partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e RC Deportivo da tempada 2020/2021

Tres xornadas sen vencer, con empates fronte a Compostela e Deportivo xunto á derrota no campo do Coruxo, frearon a progresión dun Pontevedra Club de Fútbol que antes de visitar San Lázaro presumía de liderado no Subgrupo 1-A de a Segunda División  B.

A pesar de encadear eses resultados, considerados como positivos ata encaixar o pasado domingo a súa primeira derrota do curso sobre todo pola maneira en que se produciu, os granates mantéñense nos primeiros postos.

Isto débese a varios factores, o principal a tremenda igualdade e competitividade que se está vivir o Subgrupo, onde calquera equipo é capaz de vencer en calquera praza.

Así, os rivais non conseguiron aproveitar os tropezos non só do Pontevedra, senón tamén do Deportivo, para sacalos dos postos que dan acceso a pelexar polo ascenso, sumando Racing de Ferrol, Zamora e Compostela só catro, catro e cinco puntos respectivamente en tres xornadas, a última con empates entre  Guijuelo e Racing (1-1) e entre Compostela e Zamora (0-0), ademais da derrota do Deportivo en Riazor fronte ao Celta B.

O único que se aproveitou destes resultados foi Unionistas de Salamanca, que tras encadear catro triunfos consecutivos en liga ascendeu ao liderado con 17 puntos, polos 15 do  Depor e os 13 do Pontevedra. Por detrás Ferrol e Zamora aparecen con 12 puntos e Compostela e Celta  B con 11, é dicir, que desde o terceiro posto dos granates ata o sétimo só hai 2 puntos de diferenza.

Un respiro por  tantopara os de Jesús Ramos, que comerán o turrón en postos de honra aínda que sabendo que non poderán baixar o ritmo nin un instante se queren defender a súa posición. No horizonte ademais aparece unha boa oportunidade co final da primeira volta e o inicio da segunda, xa que o Pontevedra comezará o ano disputando dous encontros consecutivos en Pasarón fronte a Guijuelo e Racing de Ferrol. Dous triunfos farían espantar calquera pantasma e outorgarían tranquilidade para traballar nunha competición que se está demostrando a cara de can.

Pero antes diso, chega a quenda da Copa do Rei, unha competición que ilusiona no seu novo formato e que non supoñería polo momento ningún desprazamento en caso de vencer o Cartagena o xoves (20.00 horas) en Pasarón, xa que a seguinte rolda no caso de pasar sería de novo como local ante un equipo de superior categoría.