A I Regata Interclubs ponse en marcha cunha vistosa primeira xornada en Combarro

Poio
26 de xaneiro 2015

O regatista pontevedrés Juan Carlos Pérez competiu finalmente na regata baixo o nome de Ozoaqua, deixando de lado o seu revindicativo 'Non a Celulosas' ante a negativa da organización

Primeira xornada da I Regata Interclubs Ría de Pontevedra

Combarro foi escenario o pasado sábado da primeira xornada da Regata Interclubs Ría de Pontevedra, Gran Premio Deputación, na súa primeira edición.

Un total de 44 barcos con máis de 250 tripulantes a bordo gozaron dunha sensacional xornada de navegación cun percorrido costeiro que permitiu ao público presente deleitarse cos cruceiros de competición, barcos clásicos, veteranos e Mini-23 inscritos.

Entre eles participou o regatista pontevedrés Juan Carlos Pérez, que finalmente inscribiu o seu barco co nome de Ozoaqua en lugar do previsto 'No a Celulosas' ante a negativa da organización.

O Ozoqua finalizou segundo na Clase 1, a 1:59 do Corsario VI. Ademais foron primeiros o Enxuto na Clase 2, o Squid na Clase 3, o Sebrala 2 na Clase 4, o Cassandra nos Veteranos e o Sanuk na Clase Mini-23.

A segunda parada da I Regata Interclubs Ría de Pontevedra será o próximo 7 de febreiro no Real Club de Mar de Aguete.