A historia do boxeador marinense Aarón González, convertida nun documental

Marín
04 de abril 2019

O xornalista e realizador de Marín, Carlos Prado Pampín, iniciou a rodaxe do seu novo traballo audiovisual, un documental sobre a vida do boxeador Aarón González, que superou un atropelo que case lle deixa nunha cadeira de rodas e terminou por converterse en campión de España

Rodaxe do documental de Carlos Prado sobre o boxeador Aarón González Carlos Prado

Carlos Prado Pampín, xornalista e realizador de Marín, iniciou estes días a rodaxe do seu novo traballo audiovisual, un documental sobre a vida do boxeador marinense Aarón González.

O púxil, veciño de Mogor, sufriu un atropelo aos 10 anos que a piques estivo de deixarlle en cadeira de rodas e que lle provocou unha longa e dura recuperación con anos de operacións e estancias no hospital. Deixado ese calvario atrás como un mal recordo, Aarón converteuse agora en todo un exemplo de tenacidade e capacidade de superación, chegando a proclamarse campión de España de boxeo olímpico.

Trátase de "unha historia de superación persoal, de esforzo por saír adiante, e finalmente, de éxito, porque Aarón non só é campión de España de boxeo, tamén é unha gran persoa que agora axuda aos demais a superar as súas limitacións coa súa escola de boxeo e co exemplo que dá", sinala Carlos Prado, que coñece a súa historia desde pequeno.

"Aínda teño gravado o momento no que a miña nai entrou na casa gritando e dicindo que acababan de atropelar un neno na parada de autobús. Ese era Aarón. Puxéronseme os pelos de punta porque eu, moitas veces, tamén collía o autobús para o colexio nesa mesma parada", relata Prado.

Neste documental, a nai de Aarón, Rosa, tamén terá un papel destacado porque "loitou contra vento e marea", asegura o realizador, para axudar ao seu fillo, e segundo defende "é unha nai coraxe e a súa historia de loita merece ser contada".

Prado, que compaxina este proxecto co seu traballo na canle de televisión La Sexta, impulsa o documental co apoio da produtora marinense 'Trece Amarillo', formada por tres novos da vila.

A primeira xornada de rodaxe produciuse o pasado sábado 16 de marzo durante a II Copa Galicia de Boxeo, e continuará nos próximos meses en localizacións como a parroquia de Mogor, a praia ou os petróglifos, ademais doutros lugares do municipio como o centro urbano ou o pavillón da Cañota.