A Gimnástica métese na final polo título e certifica pola vía rápida a súa permanencia na División de Honra

Pontevedra
06 de maio 2024

Co segundo posto conseguido en Pamplona no encontro da segunda xornada do Campionato de España de Clubs, o equipo masculino da Gimnástica certificou un ano máis a súa permanencia na máxima categoría nacional. O conxunto feminino pola súa banda pelexará polo ascenso

Equipo masculino da Gimnástica a segunda xornada de División de Honra en Pamplona

Obxectivo cumprido para a Sociedad Gimnástica, que certificou pola vía rápida a súa permanencia na División de Honra Masculina de Atletismo garantíndose a que será a súa 18ª tempada na elite.

O equipo masculino do club pontevedrés fíxoo ao conseguir coarse na final polo título da máxima categoría como oitavo clasificado, o último que pasa o corte, despois do seu gran papel na segunda xornada de Campionato de España de Clubs.

A Gimnástica desprazouse a Pamplona, nun encontro dominado polo anfitrión Grupompleo Pamplona (222 puntos) seguido dos pontevedreses con 183,5 puntos, Cornellá con 151,5 puntos e CAPEX con 127. En total a Gimnástica colocouse oitavo con 361,5 puntos, e na xornada final enfrontarase con Facsa-Playas de Castellón, CA Fent Cami Mislata, Grupoempleo Pamplona At, Atletismo Numantino, Trops-Cueva de Nerja, Unicaja Jaén Paraíso Interior e Real Sociedad.

En canto á competición en Pamplona, destacaron os primeiros postos conseguidos Hassan Izzedine (800 metros), El Mehdi (3.000 obstáculos) e Sergio Coello (lonxitude).

O EQUIPO FEMININO, Á FINAL POLO ASCENSO

Tamén o equipo feminino da Gimnástica cumpriu o seu obxectivo na Primeira División, o de meterse na loita polo ascenso.

Neste caso as pontevedresas desprazáronse ata Durango nun duro enfrontamento no que só puideron ser terceiras (166,5 puntos) por detrás do Ría de Ferrol (192 puntos) e Bidezabal Durango (175,5 puntos), coa Juventud Atlética Elche en cuarta posición (152).

Na xeral súa foi a sétima posición con 338,5 puntos.

No que respecta ao rendemento da atletas, lograron senllos primeiros postos Antía Chamosa (5.000 marcha), Sabela Castelo (3.000 metros), Lía Caride (400 valos) e María Ezquerro (disco).