O coñecido como 'Caso Rubiales', causa aberta contra o expresidente da Real Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, polo bico non consentido á xogadora Jennifer Hermoso durante a celebración da vitoria de España no Mundial, chegou este venres a Pontevedra.
Debido á concentración en Sanxenxo da Selección Española para afrontar o partido da UEFA Women's Nations League contra Italia en Pasarón, unha das integrantes do equipo nacional tivo que achegarse este venres ata os xulgados da Parda.
Desde alí Laia Codina converteuse na cuarta xogadora da Selección que testifica no procedemento, que investiga o Xulgado Central número 1 da Audiencia Nacional, tras Misa Rodríguez, Alexia Putellas e Irene Paredes.
Codina chegou ás 9.30 horas da mañá aos xulgados acompañada de persoal da Real Federación Española de Fútbol, testificando por videoconferencia durante preto dunha hora.
Á súa saída da sede xudicial, a futbolista non quixo valorar a súa declaración ante os xornalistas presentes, sendo escoltada por axentes da Policía Nacional ata a furgoneta que a esperaba para regresar ao hotel de concentración xunto ao resto das súas compañeiras.
Cabe lembrar que o xuíz instrutor investiga neste procedemento a Luis Rubiales como presunto autor dos delitos de agresión sexual e coaccións.