A formación, alternativa ao peche tamén no deporte

Pontevedra
19 de marzo 2020

A Federación Galega de Balonmán, con motivo do peche, anunciou a posta en marcha de cursos de formación tanto para monitores como árbitros, e expón desafíos e xogos cos seus seguidores nas redes sociais

Torneo Galicia - O Salnés de balonmán Federación Galega de Balonmán

Coas competicións paralizadas e a poboación, por suposto tamén os deportistas, pechados na casa, é tempo de buscar alternativas.

Ás diferentes opcións de adestramento para, polo menos, tentar manter no posible o ton físico, a formación deportiva aparece como outra posibilidade.

Así o ve por exemplo a Federación Galega de Balonmán, que poñerá en marcha cursos de formación tanto para monitores como árbitros, e expón ademais desafíos e xogos cos seus seguidores nas redes sociais.

Neste sentido, a federación abriu o 15 de marzo (ata o día 22), o prazo de inscrición para un curso online de monitor de balonmán de nivel 1 que comezará o día 25 e que conta con só dúas clases presenciais que se cambiarán de data no caso de ser necesario.

Doutra banda preparan outro curso de nivel 2 e outro para árbitros, o que se  complera cun  clinic  online de cinco días de duración dedicado á base que contará con grandes nomes do balonmán galego e español como profesores, anuncian.

En canto aos restos en redes sociais, pretenden medir o coñecemento de seguidores e deportistas sobre diferentes materias, por exemplo o minibalonmán, primeiro dos desafíos publicados ao que pode accederse a través desta ligazón.

Toda iniciativa é pouca para tentar pasar estes días de reclusión da mellor maneira posible.