A Federación Internacional ratifica por carta a Pontevedra como sede do Mundial Júnior 2024 de loita

Pontevedra
17 de novembro 2021

A designación da Boa Vila dábase por feita ao ser a única candidata presentada en tempo e forma, pero aínda non era oficial ata esta misiva enviada pola  United World Wrestling (UWW) 

Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas 2019 en Pontevedra Mónica Patxot

Era unha nova coa que se contaba tras a recente expedición pontevedresa a Belgrado con motivo do Mundial Sub-23 e a asemblea da United World  Wrestling (UVW), pero ata este mércores non se converteu en oficial.

Pontevedra será a sede no ano 2024 do Campionato do Mundo Júnior (U20) de Loitas Olímpicas. Así llo confirmou por carta ao Concello a federación internacional, nunha misiva formada polo seu presidente, Nenad Lalovic, ao ser a única cidade candidata presentada en tempo e forma.

Na carta, ademais de dar o parabén a Pontevedra, o mandatario da UWW confirma que nun breve período de tempo será enviado á Federación Española de Loita o contrato e os requisitos establecidos para acoller este campionato, que se celebrará entre os días 2 e 8 de setembro de 2024.

O Mundial Júnior únese desta forma ao Mundial Sub-23 e de Grappling Cadete e Júnior que Pontevedra ten previsto organizar en outubro de 2022.

Ademais, na aposta que se está realizando por esta modalidade deportiva, a Boa Vila postulouse como candidata ao Europeo e o Mundial Absoluto do ano 2025.