A Federación Internacional de Tríatlon pasa revista a Pontevedra para o ITU Multisport Festival 2019

Pontevedra
29 de novembro 2017

Técnicos do organismo federativo internacional atópanse na cidade para comezar a avanzar nos detalles do evento, o proxecto máis ambicioso asumido pola  Boa Vila en canto a organziación deportiva, e coñecer os circuítos polos que transcorrerán os cinco campionatos mundiais previstos

Técnicos da Federación Internacional de Tríatlon visitan Pontevedra Mónica Patxot

Cinco campionatos do Mundo en apenas dez días. O ITU Multisport Festival que se celebrará en Pontevedra no ano 2019 preséntase como o maior reto vivido pola cidade con respecto á organización dun evento deportivo.

Por ese motivo a maquinaria de preparación está a pleno rendemento desde a composición o pasado mes de xuño do Comité Organizador, pero estes días dáse un paso máis coa visita á  Boa Vila de técnicos da Federación Internacional de Tríatlon ( ITU).

Acompañados de técnicos das federacións galega e española e do Servizo Municipal de Deportes do Concello, os representantes da  ITU coñecerán durante este mércores e xoves as instalacións deportivas e os circuítos polos que transcorrerán os mundiais de tríatlon cros, tríatlon de longa distancia, aquatlón, dúatlon e aquabike.

O encontro de traballo iniciouse cunha reunión no  Concello de Pontevedra para despois ter previsto desprazarse a espazos como o Centro Galego de Tecnificación Deportiva ou o Pontillón do Castro.

O obxectivo da primeira visita da Federación Internacional é tamén avanzar en diferentes aspectos organizativos como concretar a data de celebración de cada un dos campionatos.