A Federación Galega de Fútbol ponse solidaria coa campaña de Nadal

Pontevedra
19 de decembro 2020

O obxectivo é "crear un tsunami solidario con todo o fútbol galego para recoller o maior número posible de quilos de alimentos que serán entregados a diferentes entidades e asociacións repartidas por toda Galicia para que estas lles fagan chegar eses produtos de primeira necesidade aos que máis o necesitan"

Campaña de recollida de alimentos Eduardo Botelho - Flickr

A Federación Galega de Fútbol mostrará a súa cara máis solidaria coa campaña de Nadal 'Neste partido gañamos todos'.

O obxectivo é "crear un tsunami solidario con todo o fútbol galego para recoller o maior número posible de quilos de alimentos que serán entregados a diferentes entidades e asociacións repartidas por toda Galicia para que estas lles fagan chegar eses produtos de primeira necesidade aos que máis o necesitan", explican dende a Futgal.

A Campaña está dividida en tres grandes accións: Recollida solidaria de alimentos, Gol Solidario e Boxing Day Solidario.

A recollida de alimentos será ata o 10 de xaneiro e conta coa colaboración do Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol. Neste caso, a Federación invita a participar nesta acción e doar alimentos perecedeiros nas sedes da Futgal en Pontevedra, Vigo, Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Baio (A Costa) e Ourense.

Pola súa banda, a iniciativa do Gol Solidario consistirá en que, por cada gol que marquen os equipos galegos na xornada de liga do 19 e 20 de decembro, a Federación doará un balón de fútbol oficial da RFGF a nenos e nenas de familias en situación con dificultades económicas. 

Por último, realizarán o Boxing Day, unha xornada de formación telemática para adestradores e que se dividirá en dúas xornadas.

A primeira será o 28 de decembro con Monchi (director deportivo do Sevilla FC) e Quique Setién (ex adestrador do CD Lugo, Real Betis e FC Barcelona), e a segunda o 29 de decembro co ex xogador Paulo Roberto e Ferrao, xogador do FC Barcelona.

Nesta última iniciativa, a dimensión solidaria consistirá en converter os picos máis altos de espectadores en directo de cada xornada en quilos de alimentos perecedoiros, os cales serán entregados ao Banco de Alimentos e á Cociña Económica de Santiago de Compostela.